Blogger Template by Blogcrowds.



Libro: Un monstro vén a verme
Autor: Patrick Ness
Tradución ao galego: Xesús Fraga

Un grupo de alumnos e alumnas de 2ª da ESO e a súa profesora de galego Cruz Buján reunímonos para decidir gozar da lectura e o primeiro libro que escollemos foi o de Patrick Ness, Un monstro vén a verme. Decidimos ler esta obra e posteriormente irmos ao cine ver a adaptación cinematográfica.
Despois de facer todo o traballo ou pracer (segundo se mire) de ler e ver a película, o día 21 de novembro reunímonos e compartimos un xantar e as nosas experiencias con esta obra.
O primeiro que salientou o alumnado foi o dura que é a realidade e por conseguinte o tema principal desta obra (a morte dunha nai a consecuencia dun cancro). O distinto xeito de ver e tratar a un fillo por parte dos dous proxenitores e o tipo de relacións que se poden ter cos avós foron outros dos temas que se analizaron neste xantar.



En consecuencia, unha boa obra (aínda que con bastante diferencia entre o orixinal escrito e o filme) pero quizais dura de máis para a idade destes adolescentes.




Cine para clubs

Pareceunos unha boa ocasión para reunir varios clubs do centro nunha soa actividade a asistencia ao cine da obra "Un monstro vén a verme" para logo pór en común todas as opinións. Así que fomos a Leiro un luns pola tarde ao rematar as clases, tamén co propósito de que o alumnado coñecese esta sala de cine tan meritoria dende o noso punto de vista.
Foi unha gran experiencia, o libro gustounos e a maior parte do alumnado puido coñecer un pequeno cine que existe grazas a ilusión e ao traballo dunha soa persoa que cre na cultura nunha vila pequena e loita por ela co seu esforzo particular.



Novo curso



Comeza un novo curso e con el novos proxectos, o que se traduce en novos clubs. Algúns serán continuación e outros serán novos. Algúns deles seguen co mesmo alumnado, outros conseguen que sexa o mesmo profesor ou profesora quen os leve pero con novas caras, e outros clubs serán totalmente novos.
Un ano lector agárdanos por diante!


O noso club de lectura poética quixo emular a Ledicia Costas e tamén escribiu os seus poemiñas:

Chega a primavera
o sol comeza a brilar
as flores medran
o sol empeza a petar.
                        Tomás Viana
 




Raiolas de sol
nunha mañá despexada
as árbores florecen
as flores alegran o día
a calor acaba de chegar.

O inverno afástase
o sol comeza a brilar
as froitas maduran
o campo comeza a verdexar.
                        Marcos Doval

 



Lonxe, corre, ve, escoita
un extraño silencio
que ás veces se rompe
cun ruido horrible.
piñeiros que fan de amplificador
ruido, ruido e mais ruido.
Estremece, salta e fuxe.
                        Elena Iglesias Medela

 



Non quero estar na néboa
coas árbores máis tortas
que nun bosque de cor gris
ze alimenten das nosas bágoas.
Nin os paxaros
que ao non ver petan contra as árbores
cal vuvela fura o seu niño
para criar ós seus pitiños.
                        Sergio Quinteiro

 



Do mais fondo da cidade
brota a escuridade.
O paso do tempo
deixa os recordos atrás.
                        Silvia Bruguera

Chega, baixo do coche
a brisa mariña acaricia o
meu cabelo.
Escóitanse as ondas do mar
que chocan co
acantilado.
                        Silvia Bruguera

 



Chove fortemente
a auga baixa pola ventá
e ela, tristemente
chorando está.
                        José Castro

200 km por hora
achégase a morte
ven pisando forte,
chegou agora.
                        José Castro

 


A vida é como
unha longa ponte
pola cal pasas
a toda velocidade.
                        Christian Oro

A choiva cae
polas follas de cada árbore
as flores están húmidas
e o chan mollado.
                        Tania Areán

 



10 de xuño, e en min flúen recordos dun glorioso pasado,
un pasado sen mancha nin pecado;
onde reinabamos con puño de ferro,
agora somos nós os que precisamos do voso berro
para poder recuperar o noso trono e o poder,
por iso non quero que deixes de crer;
para iso grita ¡España, España, España!
                        Francisco Javier Rivas Santomé.


 


A rúa é o meu fogar,
mais cando chove
por min chove.
A soidade é a miña amiga,
mais ela nunca soa me deixa.
A sorte non vén cara min,
mais ela, vagando por aí anda.
Os mus días tinguidos de negro,
mais moitos anos así levan.
                        Noelia Blanco

 



Onte xa non é hoxe,
o sol non é a lúa
e o día non é a noite.
                        Alberto Blanco


 



Sensación de paz
nunha paisaxe escura
soidade
e paso do tempo
que non se reflexa
nas árbores.
Esta paisaxe
que te envolve
co seu manto de néboa.
E os corpos esveltos
que se erguen cara o ceo.

                        María Mato


Achegarse ao verdadeiro horror da Segunda Guerra Mundial.


No último mes dedicámonos por completo ao pracer da lectura, obviamente, relacionada coas MAtemáticas, pero gozando dun libro que cremos marabilloso e que resulta adictivo para calquera posible lector ou lectora. Aínda así, detiñámonos de cando en vez para explicar algúns aspectos matemáticos pero a lectura fíxose fluída e amena. Toda unha experiencia lectora!


Para traballar sobre o Proxecta que levamos a cabo relacionado con este club, "Donas de si" lemos Mujeres, manzanas y matemáticas de Xaro Nomdedeu Moreno, un libro que nos introduce no universo feminino matemático, tocando figuras case descoñecidas para o público en xeral e que non tiveron a notoriedade histórica que merecían polo feito de seren mulleres. De aí a importancia deste tipo de lecturas que dan a coñecer ao noso alumnado aquelas figuras femininas ocultas pola sociedade patriarcal na que vivimos e que agora debemos ir desvelando pouco a pouco co noso traballo.

La aventura de Said


Xenofobia e inmigración.


Xardín de inverno

Xa coñeciamos a Ledicia Costas como narradora, e mesmo a coñecemos en persoa o curso pasado neste centro, e coincidimos en que nos gusta moito lela. Agora descubrímola como poeta, e non defrauda tampouco. Esta escritora é un portento! Desta volta "atacamos" o seu libro Xardín de inverno que publica Everest. Ademais, os poemas veñen acompañados por fotografías marabillosas de Daniel Puente Bello que fan que o libro sexa unha pequena alfaia.



Un canto á ausencia que poboa un xardín, unha ausencia-inventario daquilo que amamos e non está e por iso manca, e manca rebelándonos, non laiándonos, porque Ledicia non chora, prende unha candea na alma do lector para lembrar unha infancia segura que se esvae. Uns versos que conmoven e que nos falan de tristura e esperanzas a un tempo. Reconstrúe a autora unha intimidade infantil que decide partillar con tod@s nós para agasallarnos cun xardín fértil de figuras familiares, perdas e ausencia que poboan coma carballos libérrimos un bosque de luces e sombras que artellan poemas intensos.


Nun dos grupos do club de lecturas ilustradas animámonos a ler este libro que publica Vicens Vives na súa colección "Cucaña. Biografías". O texto é de Paola Capriolo e as ilustracións de Tha. 
Con este libro aprendemos a biografía da heroína Rosa Parks e a súa loita pacífica contra as desigualdades, profundando na súa vida, da que nada sabiamos. Resultou unha lectura moi interesante que nos  deu pé para falar das desigualdades sociais e das inxustizas que os humanos aceptamos e cometemos.

 No club de lecturas científicas comezamos neste terceiro trimestre con este libro de  Vicente Muñoz Puelles que publica a editorial Anaya:






Como introdución ao libro vimos esta presentación e falamos da viaxe que durou 5 anos a bordo do famoso Beagle, barco da Armada Británica.
Como el dicía que o home descende do mono, chegaron a ridiculizalo e publicaron imaxes del co corpo dun mono e a súa cabeza.





Un relato que conta a historia dunha familia constituída por un rato que domina a muller; pero cando ocorre unha catástrofe é a femia quen dá a solución aos problemas, a que dirixe a situación e entón cando o lector ou a lectora comprende que o rato era puro fume; ou sexa, desvalorízase a figura paterna para pór en valor a materna. Unha vez máis, o libro serve para amosarnos a desigualdade existente na realización das tarefas domésticas e as responsabilidades da vida cotiá.

Señal


Desta volta xuntámonos o día 30 de abril tres clubs de lectura arredor de Señal, de Raúl Vacas: o club de lectura de poesía do IES Laxeiro, o club de lectura de igualdade do mesmo centro e o club de adultos. Toda unha experiencia estética arredor dun libro de poemas e arredor dunha persoa única. Tan intensa foi que nos esquecemos de realizar fotografías.

Señal está publicado pola editorial Mundanalrüido e conta cunhas magníficas ilustracións de Sara Morante, diálogo perfecto co texto. Dividida en tres partes, cada unha dela aborda os tres grandes temas da Literatura, o amor, a morte e a vida.
Sobre o amor e o sexo, lemos imaxes cargadas de sensacións, de cor, unha introdución fresca ao impulso sexual e audacia no ronsel da paixón. O contraste entre o que foi intenso e xa non o é, o baleiro, a morte do amor que foi... O mundo unifícase en torno a un ser simbólico. Apreciamos tamén a entrega total do ser amado máis alá da vida, "amor máis alá da morte" como en Quevedo. O amor na vellice é permanecer xuntos na hecatombe final, entrañable final feliz dos contos que celebran o encontro amoroso.
Na segunda parte, a voz poética pregúntase como explicar o inexplicable, ás veces ocorre o máis terrible, existe unha procura infructuosa que condena os amantes á morte, aínda que o amor case a vence; pero hai que aprender a afastarse cando hai un erro, cando queda o baleiro despois do amor, non hai lugar para enterrar as bágoas.
Na terceira e última parte, a morte. A soidade, a terra baleira, a incertidume, a obstinación por regresar. Lemos tamén o retorno á absoluta laxitude do gozo uterino, previo á vida humana; mesmo unha exposición de hipóteses e desexos. No baleiro amoroso medran a morte e a devastación, unha loita de contrarios no propio ou alleo sexo.

Raúl Vacas falounos de que é necesaria a visión literaria para falar de morte e de sexo, temas que na vida cotiá ocúltanse nas conversas. Tamén comentou como influíran os seus autores preferidos na escrita deste libro: Alejandra Pizarnik, Dámaso Alonso, Rafael Pérez Estrada, Rafael Alberti, Leopoldo Panero... O libro está feito á súa medida, por ser o seu proxecto máis persoal. Afástase da rima e de estruturas métricas, xa que non hai límites á hora de escribir.
Falou tamén da poesía en xeral. De que non hai que traducir de xeito literal cada verso, xa que o poema o que quere é transmitir sentimentos. Non cómpre entendelo todo, só debemos dialogar coa poesía: "ha hecho mucho daño la solemnidad en poesía"; poesía como invitación a vivir, con intensidades diferentes, a recuperar, a xogar.
E por suposto, comentou tamén a falta de palabras para falar de amor, de sexo, da pouca naturalidade coa que se tratan temas como o da morte.
LER TEN QUE VER CON ELIXIR.

De chica a chica



No club de lecturas científicas achegámonos a este libro que fomos lendo nas reunións para ilo comentando, dado o tema a tratar. É unha guía para comezar a adolescencia, que conta con información precisa e experta que ofrecen consellos. Aínda que algúns temas a tratar semellan obvios ou xa están superados -ou iso cremos- resultou ser unha lectura moi práctica que nos introduciu no noso propio mundo.


Bícame, Frank



No trimestre negro do instituto non podiamos ser menos, e achegámonos a este libro dun galego, Miguel Anxo Fernández.



Publicacións máis antigas